Macy Gray
>
Teatro Colón – A Coruña
18 de decembro de 2026 · Venres > 21:00 h
Macy Gray, a inconfundible voz do soul contemporáneo actuará na Coruña
A artista estadounidense actuará o 18 de decembro no Teatro Colón dentro da súa nova xira internacional The Trouble With The Truth Tour
A capacidade de compoñer música sincera e auténtica que conecta profundamente co público definiu a traxectoria de Macy Gray desde os seus comezos. Dotada dunha voz inconfundible, un extraordinario dominio do soul e unha personalidade artística única, soubo construír unha carreira propia, afastada das modas pasaxeiras e marcada pola honestidade creativa.
Nada en Canton (Ohio), trasladouse a Los Ángeles para estudar guión na Universidade do Sur de California. Foi durante aquela etapa cando comezou a escribir cancións e descubriu, case por casualidade, a súa propia voz ao substituír nunha sesión de gravación a unha cantante que non acudiu ao estudo. Aquel momento marcaría o inicio dunha traxectoria que a levaría a converterse nunha das artistas máis recoñecidas da música contemporánea.
A súa consagración internacional chegou en 1999 coa publicación de On How Life Is, un álbum que acadou o triplo disco de platino e que incluía «I Try», unha das cancións máis emblemáticas de finais do século XX. O tema valeulle o Premio Grammy á Mellor Interpretación Vocal Pop Feminina no ano 2000 e consolidou unha carreira que acumula máis de 25 millóns de discos vendidos, cinco nomeamentos aos Premios Grammy e dous Premios BRIT.
Máis de dúas décadas despois do seu debut, Macy Gray continúa demostrando unha enorme vitalidade artística. Colaborou con músicos como Bobby Brown, Ariana Grande ou Galactic, mantén unha intensa actividade internacional e segue enchendo auditorios e teatros en practicamente todos os recunchos do planeta grazas a uns directos onde a emoción, o soul e o funk conviven cunha personalidade escénica absolutamente inconfundible.
O seu talento tamén se estendeu ao cinema e á televisión. Participou en películas como For Colored Girls, Brotherly Love, Cardboard Boxer e a célebre Training Day, xunto ao gañador do Oscar Denzel Washington, ademais de participar na serie de Netflix Fuller House, consolidando unha carreira artística que transcende o ámbito musical.
Nos últimos anos, Macy Gray continuou ampliando o seu universo creativo. En 2023 publicou The Reset, xunto á súa banda The California Jet Club, un álbum concibido como unha reflexión sobre os profundos cambios sociais vividos tras a pandemia e sobre o poder da música para xerar esperanza e optimismo. Un ano despois regresou co sinxelo «I AM», gravado xunto a Big Freedia, un himno á diversidade, á liberdade e á aceptación persoal que a volveu situar no centro da actualidade musical.
O concerto da Coruña permitirá gozar dunha artista que continúa evolucionando sen perder a esencia que a converteu nunha referencia internacional. Sobre o escenario, Macy Gray combina a elegancia do soul clásico, a enerxía do funk, o jazz e o R&B cunha voz irrepetible capaz de emocionar desde a primeira canción.
A actuación forma parte do Ciclo Intermodal, un proxecto que continúa achegando a Galicia nomes destacados da escena internacional e que aposta por propostas musicais de calidade en espazos emblemáticos. O ciclo conta co apoio da Xunta de Galicia, a través da Axencia Turismo de Galicia, no marco de Concertos do Xacobeo. Este concerto conta co apoio de Turismo da Coruña e do Concello da Coruña, que respaldan a celebración de grandes propostas musicais na cidade.
As entradas xa están dispoñibles a través de Ataquilla.
